domingo, 28 de mayo de 2017

MISTERIOS POLICIAIS NO PLANALTO ARRAIANO. X. BENITO REZA PREMIO LOSADA DIEGUEZ 2018


Ana Mosquera


Planalto na raia
























Xosé Benito Reza, natural de Celanova, e un dos mellores coñecedores do Penegache, acaba de publicar a súa primeira novela Terradentro.
O título é unha declaración de intencións  que  agradecemos. Nunha Galicia na que volcaron a demografía cara o mar, é hora de mirar a ese interior.




Trátase dunha novela de xénero policial. O protagonista das pescudas é un avogado da vila, Xosé Rial, un pouco raposote, que se chama así mesmo retranqueiramente avogado das silveiras, e se mofa dos veciños ricos que pagan letrados de postín na capital da provincia.

A novela consta de tres partes nas que se resolven tres misterios e unha especie de epilogo. Non imos facer spoiler, pero si imos dicir onde se desenvolven os misterios:
O primeiro misterio transcorre nunha casa de indiano, “O asasinato do vello Esteban”. Introdúcenos nas personaxes principais, o avogado Rial, o capitán Flores, e o ambiente vilego de posguerra.


Galeria da Praza Maior de Celanova

O segundo, “A casa  grande de Ademourán”,  transcorre nunha casa grande que el sitúa en Remuiños, Cimadevila, nun lugar próximo ás mámoas. Neste relato, o xénero policial  convive coa realidade do campo, coas crenzas panteístas e cos misterios das mámoas. O “Ciprianillo”, libro de bruxería, debeu estar de moda na primeira metade dos século XX na comarca, entre os  buscadores de tesouros.
Aínda que a Casa Grande de Ademourán está situada en realidade noutro lugar, si que existe un lugar que se chama Redemuiños onde os cazadores de tesouros fixeron desastres, até mediados do século pasado, e onde temos constancia oral de conxuros no alto de Santa Cruz para escorrentar o trono. Quen sabe se o pai do autor avogado de profesión non levou algún segredo con el a tumba.


Penegache a Cruz e o poste xeodesico, a relixión e a ciencia.

Luís Axeitos, na casa dos Poetas en Celanova, dicía con acerto que Benito Reza galeguizou o xénero policial, levándoo de forma espontánea ao planalto. O misterio ocorre na alta chaira da raia e finaliza nas mámoas, o autor despístanos cos topónimos, e lévanos de paseo por toda esa máxica meseta que nos une con Portugal.

O terceiro relato, “O can do Alcalde”, ten, como non, unha dobre lectura no seu título.
Arredor do acontecido coa cadeliña do alcalde, o autor introdúcenos na outra vida vilega. A de aqueles que viven de portas adentro. Coma se dunha homenaxe a Taberna do Galo se tratase. E aproveitando este enigma o autor realiza un retrato das máis variopintas personaxes.
Fálanos  da Xuntanza das Mocidades Galeguistas en Celanova.  Até alí viñeran a falar Castelao e Otero Pedrayo. Do semanario Adiante, creado polas mocidades galeguistas entre as que se atopaba o procurador Celso (Emilio Ferreiro) , personaxe do libro.
Desfilan tamén,un médico republicano «o (Meixengo?) , contrabandistas, monárquicos, mendigos, toliños, taberneiras…


Pintada "Adiante Semanario", realizada
antes da guerra polas Mocidades Galeguistas
entre outros Celso Emilio
que ainda se respeta.
Grafiti moderno na vila en lembranza do vello
"Adiante Semanario"

O libro remata cunha especie de epílogo titulado Terradentro. Trátase dunha biografía do protagonista e da terra, unha promesa, promesa que facemos moitas veces todos os que estamos exiliados na cidade do sol de poñente:
“A pouco detívenme para botar unha última ollada ao val, ao meu mundo,do que a penas quedaba nada, do que contan que nos próximos dez anos vai perder a cuarta parte da poboación, e dexerguei unhas letras que fixera a miña nena cunhas pedriñas de seixo, unha palabra que non era unha despedida, senón un desafío: «VOLVEREMOS» (…) E seguimos cara a cidade do sol de poñente, cara os portos grises onde o tempo será forxado de novo”.


Volveremos!!!


No hay comentarios:

Publicar un comentario