miércoles, 23 de diciembre de 2015

O NADAL NO PRINCIPIO DO MUNDO

Ana Mosquera



Fondóns-Reis de 1983- A fascinación do lume.





Permitídeme roubarlle a expresión a Aser Álvarez, pero paréceme moi afortunada. Penegache e a súa sombra non son o fin do mundo, como pensan nas cidades, senón o principio. Non se trata só dunha cuestión de perspectiva. É unha realidade. A montaña estaba habitada desde tempos prehistóricos e o máis probábel é que moitos de nós sexamos descendentes deses primeiros poboadores.


Planalto de Penegache con néboa. Un bo lugar para vivir na prehistoria.



Fonte do marco 21, na raia. A calidade das augas da serra ben seguro que lle facilitou a vida aos seus poboadores.




Eu son unha pónla dunha estirpe que durante séculos estivo apegada a esta terra e sintome obrigada con esta tribo a transmitir os valores do noso patrimonio cultural e incluso emocional, para que xeracións futuras poidan gozar a súa maneira deste lugar. 


Penegache, interior dunha mámoa.
As raices máis fondas.






Os meus avós, a señora Pura de Fondóns, Leonor de Fondóns e Dario de Redemuiños.
Foto tirada na Feira de Gomesende, a principios dos anos cuarenta do século pasado.
A maioria non están. Gardámolos na memoria.



O meu avó ía traballar as terras, o meu pai vai ver os seus montes, eu vou en busca de respostas e espero que a miña filla atope algún día as súas razóns.


A miña filla camiñando polos muros do Castelo de Arance, entre As Chedas e Gorgoa.


Por unhas razóns ou por outras, estas son unhas datas de festa, probablemente desde os tempos dos construtores das mámoas de Penegache, coñecedores dos solsticios, como testemuña a orientación dalgunhas mámoas. O catolicismo, con moi bo criterio, decidiu simbolizar o seu propio nacemento da súa Luz, coa chegada do Mesías.



Virxe embarazada na igrexa de San Salvador de Redemuiños.
Unha rareza no norte da península.


























O Nadal era ir co avó a cortar un piñeiro e adornalo na casa de Fondóns e quentarme co lume na casa natal, coa gata no meu colo buscando calor.

Pero, se algo tiñan de especiais aquelas festas para min, eran as reunións cos amigos na cociña de afumar os chourizos. O fume metíasenos nos ollos e pasabamos as vacacións con cheiro a fumeiro, o que por outra parte non era moi diferente de anos posteriores, cando comezamos a ir ás discotecas. Os porcos aínda se cebaban e mataban na casa e o fumeiro colgábase dos loureiros a secar. A fascinación ancestral polo lume, as secretas confesións e quizais a sensación de vivir algo que remataba, empuxábanos cara a cociña de afumar. E así foi durante algúns anos.





Casas que xa non están.




Cando non chovía saiamos, lembro incursións na escola abandonada de dona Rosita e outra ao castelo da casa de Santa María, tamén abandonada, coas miñas curmáns de Leirado. Sempre me fascinaron os lugares abandonados, pero aínda así espero que estas terras  non se convertan en fantasmas para os arqueólogos.



Foto tirada en febreiro de 1983 no lugar que agora ocupa a casa de Begoña en Santa María.







E parece que non vai ser así, pois aquí temos unha noviña xeración con moita personalidade.




Irea Castro Doallo de Atainde




BOAS FESTAS A TODOS.
UN RECORDO PARA OS QUE NOS PRECEDERON E AGARIMOS PARA OS QUE NOS SUCEDERÁN






  

sábado, 5 de diciembre de 2015

O mosteiro liberado das silvas e das hedras

Ana Mosquera


Visita a San Paio de Abeleda- Ribeira Sacra.




“Os balados xa non están… Pro o espiritu dos vivos e mortos albiscan a esperanza que redima para sempre a Fame e a Sede doutrora.”- IRIA FERNÁNDEZ CRESPO








A Fame e a Sede son dous dos chapiteis da igrexa de San Paio de Abeleda. Son monstros que simbolizan os males que poden caerlle ao ser humano de non cumprir con Deus, e o saber popular deulle os nomes dos dous males máis grandes que coñecían: A fame e a sede.






San Paio de Abeleda é un mosteiro medieval, románico, perdido e abandonado na ribeira Sacra, á beira do Sil, no Concello de Castro Caldelas. Segundo parece foi fundado pola familia de San Rosendo.  De certo no tombo de Celanova constan propiedades  do mosteiro de Celanova en Avellaneta (Abeleda), xa no século X. 



O 8 de marzo de 995 Aragunta doa ao abade Manilán e ao mosteiro de Celanova a sua vila en Abeleda, terras de Caldelas.

O 15 de xuño de 1095 Gutina Ordóñez doará a Celanova e ao seu abade Pedro unha viña en Abeleda, terra de Caldelas.

Pero tamén constan propiedades da familia de San Rosendo. Así, nun texto do 3 de novembro de 934, recollido no Tombo de Celanova, faise partición dos bens de Gutier e Ilduara, pais do santo, correspondéndolle a Munio, irmán de San Rosendo, as terras de "Avellaneta", en Caldelas. E posible que fose está rama á que fundou San Paio de Abeleda.

Patio de entrada, con instalacions agrícolas como un pombal cadrado, a entrada ao claustro e outros edificios.


Interior do Pombal



Detalle porta de acceso ao claustro



Pantocrátor- Deus en Maxestade






Despois da sua fundación no medievo e dos tempos de fartura, o mosteiro foi abandonado e expoliado. Os seus bens pasaron á casa dos duques de Alba. 








A capela do mosteiro funcionou como parroquia ate 1972.  Hai algún tempo os veciños, coa Asociación "O Sorriso de Daniel" fixeron unha convocatoria para limpar o mosteiro de maleza e poder acceder.





Non obstante, a súa actuación foi máis aló e os derradeiros parroquianos bautizados na capela participaron nun impactante proxecto: unha exposicion de fotografías de veciños bautizados na parroquia ao lado da súa querida Pía Bautismal, do S. XII, que conseguiron arrebatar a uns expoliadores que xa a tiñan cargada nunha furgoneta. 




Campanario



A exposición está acompañada duns fermosos textos de Iria Fernández Crespo cuxa lectura recomendamos. Advertimos que, sobre todo, estes textos emocionan no seu contexto, xa que representan a intención dos veciños de non deixar que o seu patrimonio se perda. As fotos das exposición ante a pía son de Soledad Felloza.
Exposición coas fotos dos veciños ao lado da pía.


Como din os textos desta exposición: ¡Arriba San Paio de Abeleda!!! 

Amigos de Caldelas: non a deixedes caer sodes o noso exemplo.



jueves, 19 de noviembre de 2015

ARA ROMANA PROCEDENTE DE XACEBÁNS-QUINTELA DE LEIRADO



Fotografía de José Luis Fuentes, na que despois de traballar cos filtros adecuados, case podemos ler a inscripción desta fermosa peza que foi doada ao museo arqueoloxico de Ourense por Antonio Seoane.

miércoles, 11 de noviembre de 2015

A PEDRA DE ANTONIO VIAXA AO MUSEO ARQUEOLÓXICO





Felipe Castro

A ara romana rescatada por Antonio Seoane nun palleiro de Xacebáns xa está no Museo Arqueolóxico, logo dun traslado algo complexo que, grazas a unha serie de veciños e institucións que nos prestaron a súa axuda, saíu moi ben.


Ara en Fondóns antes do traslado


Gustaríanos desde aquí dar as grazas a Elixio e ao Benigno, polo xeito coa que en todo momento a trataron; a Alberto e Virita do Val, por hospedala (que palabra máis romana!) na súa casa; así como ao Concello de Quintela de Leirado e á Mancomunidade da Terra de Celanova, que en todo momento amosaron a súa vontade de colaboración e foron os que finalmente a trasladaron ata Ourense. Por suposto, reiteramos todo o que xa dixemos no seu momento de Antonio e facémolo extensible a todos seus fillos, que sempre apoiaron a decisión do seu pai de doar a pedra.


Ara vista desde outra perspectiva que permite percibir a inscrición


O outro día Antonio contábanos que anda algo preocupado, xa que lle gustaría chegar a ver a ara exposta, ir visitala a Ourense, e, lendo as novas dos últimos meses que non rematan de dar unha data para o traslado definitivo do Museo a súa sede, pensa que igual non lle dá tempo. Os irlandeses teñen un dito tan fermoso como cheo de verdade, "When God made time, he made plenty of it", é dicir, cando Deus fixo o tempo, fixo suficiente. Estamos seguros de que o Deus romano ao que está dedicada a ara, a nosa deusa nai do Deva, e ata tódolos santos católicos que nos unen á vella Irlanda, han tecer todo o tempo que sexa preciso.

lunes, 9 de noviembre de 2015

Historia de dúas familias extraordinarias (2). Da zanfona á cirurxía das cataratas.


Ana Mosquera


Os Santalices




Din que todos os Santalices son orixinarios de Vilanova dos Infantes, non obstante Faustino Santalices Pérez,  (16/11/1877-6/12/1960), pai, o músico que inspirou a Milladoiro, naceu na Granxa, en Bande.


Esta familia, os Santalices de Bande, deixáronnos importantes descubrimentos en mundos tan diferentes como a música, a medicina oftalmolóxica e a cirurxía do ollo. Neste último campo, Faustino Santalices Muñiz (1923-2010), o  fillo, destacou cos seus inventos.

Faustino Santalices pai, á gaita, o fillo co tambor.



Na casa das rodas, museo do afiador, de Florencio de Arboiro na que falamos noutra entrada, descubrimos un material de afiador moi especial: o material quirúrxico do médico-afiador Faustino Santalices. 


Non puiden resistirme a mencionar a estes veciños da raia. 


Santalices pai recuperou a zanfona para a música popular galega, instrumento que estaba case extinguido e só era utilizado nos cantares de cego.





Faustino Santalices pai, coa zanfona.


Ademais de ser un gran músico, estudou dereito e mantivo amizade co poeta Ramón Cabanillas. O grupo musical Milladoiro recuperou unha peza de Santalices, o “Alalá das Mariñas”, unha das pezas máis coñecidas de Milladoiro que enlazamos a continuación:








En 1947 Faustino Santalices pai trasládase a Madrid como Secretario do Instituto Oftálmico Nacional. Alí coloca no soto do edificio, na rúa General Goded, nº 17, o seu taller de construción de gaitas e instrumentos.




Fotografia estraida de O NACEIRO

Nos anos da autarquía resultaba complexo enviar ao estranxeiro o material quirúrxico para o seu afiado. 

Faustino Santalices, fillo  no seu taller de afiado de material quirurxico.

Isto e  a morte do Sr. Coronado, a única persoa capacitada para realizar o afiado do material oftalmolóxico, fai que as monxas do Instituto Oftalmolóxico Nacional lle pidan a Santalices pai que intente o afiado do material quirúrxico. Elas coñecían o taller do soto e  tiñan visto a súa facilidade co afiado. Santalices pai non será capaz de afiar este delicado material. Pero si o seu fillo, o médico afiador Faustino Santalices. Este oftalmólogo ciruxán, procedente de Bande, fixo a súa tese de doutoramento sobre o afiado de instrumental médico. E, cousas que pasan, rexeitáronlla dúas veces por entender que non tiña relación coa medicina, senón coa enxeñería.



Ventosa para extraer cataratas diseñada por Faustino fillo.
Supuxo unha gran innovación na operación desta doenza.

Co tempo, o médico afiador Faustino Santalices pasou a ser o afiador do material quirúrxico das máis prestixiosas clínicas oftalmolóxicas do Estado, como Barraquer, pero nunca perdeu o gusto pola música tradicional galega que o seu pai lle transmitiu.





Faustino Santalices Muñiz deiuxounos o 9 de maio de 2010. Antes de morrer gravou este programa na TVG adicado ao seu pai.







Queremos manifestar o noso agradecemento á casa das Rodas e a Florencio de Arboiro, a quen xa lle adicamos outra entrada.

miércoles, 28 de octubre de 2015

DAS ÁNIMAS E DOS NOSOS DEFUNTOS

Peto de Ánimas no Souto Redemuiños


Un conto de ánimas

JOSE LUIS FUENTES

Era sábado, media mañá dun día de principios de verán.

Fun cortar o pelo onda sempre. Cheguei a iso das doce.


O barbeiro estaba cun  rapaz; saudei e sentei no banco onde esperaba outro cliente, que de cando en vez asentía ós monólogos do barbeiro. O home aparentaba sesenta e poucos anos, pel curtida, corpo magro e aspecto san. Transmitía un aire calmo e sereo, coma o que adoitan eses nosos labregos que parecen estar de volta das cousas da vida sen ter orgullo diso.




Mentres o perruqueiro levaba o traballo con parsimonia, canso de que non lle seguisen o fío das súas conversas, empezou a ensarillarse en temas transcendentes, e non sei cómo bateu co máis-alá.



Osario San Salvador
Redemuiños


Entón o meu compañeiro de espera tomou a palabra, e con ton sosegado e discurso vagaroso dixo:

–Verá…, pois… voulle contar o que me pasou a min:
Era a festa na parroquia da miña muller e había que ir; así que aparellei a besta e alá fomos.
Á volta viñamos  calados, algo cansos, os dous na cabaleiría, a muller detrás.
De camiño tiñamos que pasar polo pueblo da miña nai, que morrera anos atrás e ao entrar no lugar…. Alí estaba ela.



Non dixen nada.
Máis adiante, no medio do pueblo, ela  volvía estar.
Calei, e seguimos.
 Á saída do lugar, sentada na cancela dunha finca que fora nósa, estaba a miña nai outra vez.
Tampouco ningún dos dous dixemos nada.
Seguimos camiño, todo o tempo calados. Ela non volveu aparecer.
En chegando á casa, namáis baixarnos da besta, díxenlle á muller: –¿Viches algo?  –¡Vin!, dixo ela.
Máis tarde acordamos de terlle unhas misas por se, lle quedara algunha obriga sen cumprir.

Peto ánimas San Salvador de Redemuiños

Nin sei de onde era o home. Nin en qué lugar situar o suceso. Podería ser calquera da nosa Terra. Naquel aire de tempo suspenso no que estabamos non quedou sitio para preguntas.

Xacebáns
Aquela historia chegoume moi fondo, pola sinceridade e humildade coa que compartira connosco aquel anaco íntimo da súa vida de maneira tan desprendida. Sentinme tan agradecido, ou solidario -non sei- que non puiden menos de tentar de contribuír tamén eu algo a aquel aire calmo e de suspenso que nos envolvía e compartir con el outra historia que eu coñecia ben:

A Cruz en Quintela de Leirado

“-Foi una noite de mediados doutro verán:
Aquela noite deitouse de rutina. Sen teimas nin cavilacións. Coa cabeza lixeira e o corpo canso.
Soñou. Soñou que desaparecera o seu pai. E que o pai sentía que andaba perdido…
Pola súa parte, el e mailos irmaos andaban na procura do pai sen velo por ningures…
Pero ao mesmo tempo el estaba vendo o pai:
Estaba detrás do Canastriño das Ánimas, mirando con mirada perdida cara o poñente…



Canastriño de ánimas- San Pedro de Leirado

E el e os irmaos estaban no adro, do outro lado do muro que dá contra o  Canastriño, onde están os nichos da familia.
Aínda era cedo pero levantouse.
Pouco despois, e polo teléfono, dicíanlle que o seu pai finara aquela noite. Noite da Asunción para o San Roque.

Esta vez si que sei onde pasou. Que os soños non sempre soños son.

Descansen en Paz todos os que nos deixaron a herdanza da nosa Terra







Adro da igrexa de Hospital de Incio. Na lápida pódese ler:


"A TODOS OS NOSOS ANTERGOS
DOS QUE HERDAMOS
AS TERRAS A FE E A FALA"
 

sábado, 24 de octubre de 2015

DO CÁRCERE DE CELANOVA AO MUSEO DOS AFIADORES-Historia de dúas familias extraordinarias (1)

Ana Mosquera








Os de Arboiro



A nosa historia de hoxe comeza na illa de Cuba, onde o señor Nicanor, procedente do interior de Ourense, concretamente do lugar de  Arboito, Concello de San Xoán de Río, traballaba de buzo no porto da Habana. 

Como moitos emigrantes galegos enfermou e veu á casa a morrer. E como moitos emigrantes galegos, incluído o meu bisavó, unha vez na casa a súa saúde recuperouse de forma milagrosa e continuou coa súa vida na aldea natal.
Ferramentas herdadas da familia e outras cedidas na casa de Arboiro

O señor Nicanor era un artista, da madeira e do ferro, o mesmo reparaba o motor Lister da máquina de mallar que fabricaba a culata dunha escopeta ou arranxaba unha casa.
A fonte de Arboiro, cuxa construción debemos a Nicanor, ten a curiosidade de que, en lugar de estar coroada por unha cruz, o está por un globo terráqueo, en homenaxe ao aviador republicano, Ramón Franco, irmán do futuro ditador, que acababa de cruzar o Atlántico por primeira vez nunha avioneta, na famosa operación Plus Ultra.


Fonte de Arboiro adicada a Ramón Franco
Inaugurouse o 1º de maio de 1936



Ter dedicado a fonte ao irmán do ditador non librou a Nicanor do presidio. De feito nin o irmán do ditador se librou da represión segundo conta a lenda negra.






D. Nicanor estivo preso en Lugo, en Monforte e en Celanova. Neste ultimo  lugar  foi testemuña de paseos nocturnos dos seus compañeiros de presidio, segundo nos contou o seu neto Florencio de Arboiro. 




A parte inferior estaba desfeita e foi Nicanor de Arboiro, na súa época de preso no convento, quen a restaurou.


Nicanor salvou a vida grazas a salvar as portas do mosteiro, que estaban en pésimo estado de conservación. Nicanor artista da madeira e do metal, fixo unha magnífica restauración que aínda podemos aprezar hoxe nas fermosas portas da igrexa de San Salvador, o que lle valeu a protección das monxas que se ocupaban dos labores de cociña e enfermería e que lle encargaban os máis diversos arranxos. Grazas a iso converteuse nun preso protexido.


Hai que atalo. Escultura en bronce de Florencio de Arboiro
Fai referencia á enfermidade mental


O seu neto Florencio recolleu o legado de Nicanor, aprendeu o oficio da forxa e converteuse nun artista dos bronces, cun dominio preciso da técnica e unha gran sensibilidade. Pero sendo de moita calidade, as esculturas de Florencio de Arboiro só representan unha pequena parte da súa obra artistica e persoal.
Florencio traballou no taller ocupacional do Sanatorio Mental de Toén, onde realizaba obras cos enfermos.



Obra realizada cos enfermos. Pola falta de espazo atopase nunha adega.

Destaco esta porta, porque  esta feita polos enfermos. Colocaron todas as chaves dun pavillón abandonado sobre unha porta tamén abandonada. A porta brila como un espello, pero non é capaz de reflexar unha imaxe. As chaves son funcionais, pero non abren ningunha porta. A obra parece definir a propia enfermidade mental.


Obra en bronce e madeira.


Ademais deste magnifico traballo en Toén. Florencio leva varios anos ao rescate das profesións ambulantes extinguidas. Restaurou a casa do avó Nicanor en Arboiro e instalou nela un museo,  A CASA DAS RODAS, onde expón máis de 100 rodas de afiar, fotografías de afiadores, cartaces, letreiros… 


Tamén recuperou material dos quincalleiros, ambulantes de pequenos obxectos como lentes,  colares…, dos fuseiros. 

Unha das últimas rodas que mercou Florencio.



Florencio organiza encontros de afiadores de varios países (Galiza e Italia entre os principais) e é tamén a alma da Asociación Cultural Ben Cho Sei, que recupera e dá a coñecer o mundo do afiador. A Asociación publica anualmente a revista O Naceiro. Todo isto practicamente sen apoio institucional e con moito esforzo propio.



Florencio de Arboiro
Revista o Naceiro


















Video: