lunes, 25 de julio de 2016

A vida íntima do mosteiro de Ramirás recollida nunha novela “O espello do mundo”.



Ana Mosquera


Portada romanica da Igrexa do Mosteiro de Ramirás.




O crítico literario, profesor e desde agora tamén escritor Ramón Nicolás, acaba de publicar unha novela na que profundiza nas intimidades da vida no mosteiro de San Pedro de Ramirás "O Espello do Mundo".


Celanova, Igrexa de San Salvador

A terra de Celanova é coñecida como terra de poetas e escritores. De Curros Enriquez a Méndez Ferrín, pasando polos Velo, Xose e Carlos; Castor Elices e outros. A novidade é que este autor adoptou a terra de Celanova como propia. Ramón Nicolás e a súa muller Viqui, non son orixinarios desta na zona. Un amigo de ambos, Xoán Carlos Domínguez Alberte, comezou a mostrarlle a comarca, con tanta paixón, que Ramón e a súa compañeira mercaron e restauraron unha casa en Escudeiros, na que desfrutan o seu tempo libre.

Ramón Nicolás


Ramón Nicolás converteuse nun activo membro da comunidade cultural desta comarca de Celanova. Escribiu unha biografía de Celso Emilio Ferreiro, “Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro”, e foi nomeado patrono da fundación Celso Emilio Ferreiro.


Busto de Curros en Celanova


Hai uns meses soubemos que ia sacar a súa primeira novela. A sorpresa é que a ambientase tamén na terra que el escolleu.



Igrexa de San Pedro de Ramiras co edificio que albergou as clarisas adosado.

A novela introdúcenos na vida cotiá das monxas medievais, concretamente desde o ano 1152 ao 1162, cando a abadesa, ona Guiomar Mendez, guiaba o mosteiro de San Pedro de Ramirás. Fai tamén incursións nos derradeiros anos do mosteiro, xa no século XX. É un mozo de Escudeiros, interesado na historia, quen vai desentrañando uns documentos ineditos e persoais de ona Guiomar.





A relegación cada vez maior da muller dentro da igrexa está tratada no libro a través das queixas que, nas cartas, deixan as dúas protagonistas.

Podemos especular con que esta relegación da muller no ámbito eclesiástico quizais sexa a razón pola que o mosteiro de Ramirás, que comezou sendo mixto, rematase só con freiras, e deixase deste modo de competir co mosteiro de Celanova, fundado pola poderosa familia de San Rosendo. As monxas, coa clausura, necesitaban máis intermediarios para defender os seus dereitos.


San Rosendo en Celanova


O libro non fala desta orixe feminina do mosteiro, pero ponnos sobre a pista da clausura do convento bieito feminino no ano 1499, cando as posesións de Ramirás pasaron a San Paio de Antealtares  (Santiago). A exclaustración foi pouco pacífica e parece anunciar o tema doutra novela.


Hildegarda von Bingen

Pero “O espello do mundo” non é só a intrahistoria do mosteiro, dános a coñecer as bases do pensamento da alemá Hildegarda von Bingen, unha influente monxa do medievo, que ademais de tratar a teoloxía, se dedicou á medicina natural, seguindo a tradición bieita dos remedios caseiros. Esta parte tróuxome á memoria un caderno que a tía avoa Manuela herdara da miña bisavoa de Redemuiños, onde estaban anotadas receitas a partir das propiedades das plantas. Sempre me preguntei de onde saíra ese coñecemento. Hoxe comprendo mellor de onde vén.


Peto  de ánimas nunha casa particular en Redemuiños. A  parroquia de Redemuiños aportou tres monxas ás clarisas de Ramirás, mais dúas novicias que non tomaron os votos, e unha moza que escapou da casa aos quince anos para ingresar e que foi recollida ao día seguinte polo seu pai.



Tamén me resulta familiar a vida da monxa alemá Hildegarda. A historia tende a repetirse. Hildegadra foi apartada dos seus pais aos once anos para ser educada na fe de Cristo. O mesmo lle había de ocorrer, case novecentos anos despois, a Pepita Arias Rojo, unha amiga da infancia da miña nai, natural de Redemuíños, que con once anos ingresou no mosteiro polos anos cincuenta, pouco despois da refundación. Resulta que Pepita xa tiña unha curmá monxa en Ramirás, Xosefa (Sor Celina), e despois dunha visita ao convento, comentou na súa casa -unha casa con moita querenza pola relixión- que quería ser monxa. Así que, sen esperar máis, con once anos, Pepita foi a vivir ao mosteiro, para comezar a súa formación relixiosa. Os primeiros anos foron duros. A miña nai lembra que non lle aconsellaban recibir visitas, porque estrañaba e choraba. Despois xa nunca se produciu o encontro entre ambas.

Á calidade do libro é indiscutible para calquera lector, pero disfrutarémolo aínda máis se coñecemos o Mosteiro e as súas intrahistorias. A lectura tamén pode ser unha escusa para realizar unha visita aos restos do mosteiro e sobre todo á igrexa románica.


Pepita converteuse en Sor Ángeles del Niño Jesús Arias Rojo. Foi a derradeira superiora (creo que non abadesa, xa que había menos de doce monxas) da etapa clarisa de Ramirás que rematou en 1993. Agora é vicaria en San Xosé de Vilar de Astrés e levou a súa nai con ela.


Redemuiños, con Penegache ao fondo

Para saber mais do libro "O ESPELLO DO MUNDO" remitovos a crítica de Xoán Carlos Dominguez Alberte.


viernes, 8 de julio de 2016

BRANDAS, CHOUZOS E CURRAIS, VIVENDAS DE VERÁN NAS SERRAS DO LEBOREIRO E XURÉS.

Branda na Serra Amarela
Ana Mosquera

Hai uns tres anos, cando Felipe Castro e mais eu estabamos enleados en descifrar o misterio do castelo de Arance, castelo situado nos comunais de As Chedas e Gorgoa, encamiñámonos unha tarde de maio cara o monte chamado A Torriña, coa emoción de que iamos atopar novamente restos doutra construción defensiva. Despois de pasar os Aguillóns e o alto da Basteira, subimos á Torriña e comenzamos a buscar. No alto, desde os penedos, vimos unha vaca cachena medio tola que viña cara nós e que espantamos como puidemos, de xeito que continuou soa e coa sua carreira desenfreada cara a Basteira.

Cachena que, despois desta foto, se veu cara a nós. 


O vento era fortísimo e, xusto cando iamos marchar, vimos nuns penedos, un pouco más abaixo entre o cume e o Salto do Gato, un reflexo metálico. 




Caseta adosada ao penedo invisíbel des de arriba



Baixamos, atraídos polo destelo, e ao chegar atopamos unha pota vermella grande chea de auga. Sorprendeunos e achegámonos a averiguar porqué estaba alí, e xusto á dereita da pota atopamos esta marabilla:




Trátase dun chouzo de apoio ao pastoreo. Este tipo de construcións foron habituais na serra do Leboreiro, na serra da Peneda, na serra Amarela, sobre o río Limia, na fronteira de Lindoso e no Suído. A que atopamos entre As Chedas e Xacebáns encóntrase a menos dun Km do marco 17 e na zona chámanlle acolledoiro. Este "acolledoiro" serviu durrante os anos de contrabando de escondite para as mercadorías, cando as cousas se torcían e tamen de refuxio de contrabandistas.



Ventilacion desde o interior


No Suído, lugar de montaña de características equiparábeis, estas construcións chámanse chozos e son de planta cadrada, pero o lugar onde acadan máis desenvolmento é en Castro Leboreiro, onde reciben o nome de brandas.

Xaquín Lourenzo, Xocas, que tanto se preocupou por documentar esta zona, realizou algúns estudos referidos a este tipo de construcións. Un artigo seu, titulado “las antiguas habitacións de pastores en la Sierra del Leboreiro", foi publicado en 1947, despois de que un incendio forestal deixase á vista, en Porcarizas, un poboado de cabanas de pastores de uso estacional e que debeu ser abandonado no Século XVI.

Cabana de planta cadrada, na Serra Amarela


Estas construcións eran utilizadas exclusivamente nos meses de verán, cando subían o gando ao monte en busca de pastos.
As construcións teñen diferentes tipoloxias. Esta é das máis sinxelas, de anacos de cachotería facendo unha especie de bóveda e aproveitando outra pedra para apoio. Teñen tendencia á forma circular. O teito cóbrese con terróns que serven de illamento.

Os terrons do teito fan que medre a vexetación.

Ás veces, as brandas están dentro dun curral é dicir dun cercado en forma circular, con valados de cachoteria ou pedras chantadas.





Estas construccións de verán, na maior parte dos casos, servían só de apoio ás vivendas do val e acostumaban a ser utilizadas só por pastores, coa excepción de Castro Leboreiro (Crasto), onde a organización das brandas alcanza a súa maior dimensión, agrupadas en verdadeiras aldeas. A branda é, neste caso, a residencia máis importante, sendo ocupada desde a Pascua até o Natal. A tendencia de feito era a coidar sobre todo a casa da branda ("Castro Laboreiro, Povoamento e organizaçao de um territorio serrano", Alexandra Cerverira Pinto S. Lima). Chegado decembro, abandonábanse as brandas e a poboación trasladábase ás inverneiras, aldeas situadas nos abrigos do val. Como anécdota persoal, a miña avoa materna, natural de Quintela de Leirado, perto de Crasto, consideraba as inverneiras como un lugar pouco apetecíbel e, cando alguén era insociábel dicía que era mellor que se fose para as inverneiras. 
Branda de Mosqueiros en Castro Leboreiro


Recentemente, fixen nunha excursión con Mira Xurés, pola serra Amarela, con Marta Delgado como guía. Vimos as brandas, reconstruídas e arranxadas, que están situadas sobre o lugar de Lindoso. O parque do Geres, puxo en valor estas construcións, nas que atopamos familias do lugar pasando o domingo.




Chamaron a nosa atención as brandas de Santo Antón, lugar no que todas as casoupas teñen este santo na fachada. Igualmente aparece nun altarciño escavado nunha pedra. Despois, descubririamos que se trataba dun lugar sagrado prehistórico, xa que dentro dun dos currais, atopamos unha ara de sacrificio. Deunos a sensación de estar ante construcións herdeiras directas dos castros.



Ara de sacrificio. Podemos ver a canle moi erosionada e un pociño cadrado. Brandas de Santo Antón. Foto de Marta Delgado.



Volvendo á construción que atopamos no concello de Quintela de Leirado, esta, xunto con outros datos referidos a toponimia, Curral das Chedas, val das Chedas e  os restos construtivos nas chairas próximas ao penedo das Chedas, danos a idea de que existiu este tipo de vivenda, ben de apoio a gandeira ou máis intesivo. Tamén o topónimo Chedas pode aludir ao peche dun curral, segundo algúns estudosos da toponimia da zona, o que no noso caso cadra ben, porque o Curral das Chedas é efectivamente un curral, que conserva máis ou menos o peche circular característico.

Corteliño na serra amarela. 



Tamén sabemos que a principios do século pasado un eremita vivía nunha casoupa por riba de Xacebáns, na subida a Penegache, pode que fose o derradeiro habitante das nosas brandas.


Penegache