luns, 25 de xullo de 2016

A vida íntima do mosteiro de Ramirás recollida nunha novela “O espello do mundo”.




Portada romanica da Igrexa do Mosteiro de Ramirás.



Ana Mosquera
O crítico literario, profesor e desde agora tamén escritor Ramón Nicolás, acaba de publicar unha novela na que profundiza nas intimidades da vida no mosteiro de San Pedro de Ramirás "O Espello do Mundo".


Celanova, Igrexa de San Salvador

A terra de Celanova é coñecida como terra de poetas e escritores. De Curros Enriquez a Méndez Ferrín, pasando polos Velo, Xose e Carlos; Castor Elices e outros. A novidade é que este autor adoptou a terra de Celanova como propia. Ramón Nicolás e a súa muller Viqui, non son orixinarios desta na zona. Un amigo de ambos, Xoán Carlos Domínguez Alberte, comezou a mostrarlle a comarca, con tanta paixón, que Ramón e a súa compañeira mercaron e restauraron unha casa en Escudeiros, na que desfrutan o seu tempo libre.

Ramón Nicolás


Ramón Nicolás converteuse nun activo membro da comunidade cultural desta comarca de Celanova. Escribiu unha biografía de Celso Emilio Ferreiro, “Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro”, e foi nomeado patrono da fundación Celso Emilio Ferreiro.


Busto de Curros en Celanova


Hai uns meses soubemos que ia sacar a súa primeira novela. A sorpresa é que a ambientase tamén na terra que el escolleu.



Igrexa de San Pedro de Ramiras co edificio que albergou as clarisas adosado.

A novela introdúcenos na vida cotiá das monxas medievais, concretamente desde o ano 1152 ao 1162, cando a abadesa, ona Guiomar Mendez, guiaba o mosteiro de San Pedro de Ramirás. Fai tamén incursións nos derradeiros anos do mosteiro, xa no século XX. É un mozo de Escudeiros, interesado na historia, quen vai desentrañando uns documentos ineditos e persoais de ona Guiomar.





A relegación cada vez maior da muller dentro da igrexa está tratada no libro a través das queixas que, nas cartas, deixan as dúas protagonistas.

Podemos especular con que esta relegación da muller no ámbito eclesiástico quizais sexa a razón pola que o mosteiro de Ramirás, que comezou sendo mixto, rematase só con freiras, e deixase deste modo de competir co mosteiro de Celanova, fundado pola poderosa familia de San Rosendo. As monxas, coa clausura, necesitaban máis intermediarios para defender os seus dereitos.


San Rosendo en Celanova


O libro non fala desta orixe feminina do mosteiro, pero ponnos sobre a pista da clausura do convento bieito feminino no ano 1499, cando as posesións de Ramirás pasaron a San Paio de Antealtares  (Santiago). A exclaustración foi pouco pacífica e parece anunciar o tema doutra novela.


Hildegarda von Bingen

Pero “O espello do mundo” non é só a intrahistoria do mosteiro, dános a coñecer as bases do pensamento da alemá Hildegarda von Bingen, unha influente monxa do medievo, que ademais de tratar a teoloxía, se dedicou á medicina natural, seguindo a tradición bieita dos remedios caseiros. Esta parte tróuxome á memoria un caderno que a tía avoa Manuela herdara da miña bisavoa de Redemuiños, onde estaban anotadas receitas a partir das propiedades das plantas. Sempre me preguntei de onde saíra ese coñecemento. Hoxe comprendo mellor de onde vén.


Peto  de ánimas nunha casa particular en Redemuiños. A  parroquia de Redemuiños aportou tres monxas ás clarisas de Ramirás, mais dúas novicias que non tomaron os votos, e unha moza que escapou da casa aos quince anos para ingresar e que foi recollida ao día seguinte polo seu pai.



Tamén me resulta familiar a vida da monxa alemá Hildegarda. A historia tende a repetirse. Hildegadra foi apartada dos seus pais aos once anos para ser educada na fe de Cristo. O mesmo lle había de ocorrer, case novecentos anos despois, a Pepita Arias Rojo, unha amiga da infancia da miña nai, natural de Redemuíños, que con once anos ingresou no mosteiro polos anos cincuenta, pouco despois da refundación. Resulta que Pepita xa tiña unha curmá monxa en Ramirás, Xosefa (Sor Celina), e despois dunha visita ao convento, comentou na súa casa -unha casa con moita querenza pola relixión- que quería ser monxa. Así que, sen esperar máis, con once anos, Pepita foi a vivir ao mosteiro, para comezar a súa formación relixiosa. Os primeiros anos foron duros. A miña nai lembra que non lle aconsellaban recibir visitas, porque estrañaba e choraba. Despois xa nunca se produciu o encontro entre ambas.

Á calidade do libro é indiscutible para calquera lector, pero disfrutarémolo aínda máis se coñecemos o Mosteiro e as súas intrahistorias. A lectura tamén pode ser unha escusa para realizar unha visita aos restos do mosteiro e sobre todo á igrexa románica.


Pepita converteuse en Sor Ángeles del Niño Jesús Arias Rojo. Foi a derradeira superiora (creo que non abadesa, xa que había menos de doce monxas) da etapa clarisa de Ramirás que rematou en 1993. Agora é vicaria en San Xosé de Vilar de Astrés e levou a súa nai con ela.


Redemuiños, con Penegache ao fondo

Para saber mais do libro "O ESPELLO DO MUNDO" remitovos a crítica de Xoán Carlos Dominguez Alberte.


1 comentario:

  1. http://www.medievalists.net/2016/07/24/the-herbal-cures-of-hildegard-von-bingen-was-she-right/

    ResponderEliminar