sábado, 29 de julio de 2017

Xacebáns. Entre a sombra de Penegache e a do Mosteiro de Ramirás

Ana Mosquera


Manolo Pavero- Parede do Forno Comunal




Hai anos oínlle a unha veciña que había pegadas nas pedras que demostraban que a virxe María e o neno Xesús deran unha zancada no Lodairo, no val do Deva, e a outra no Penegache.

Delicadeza no traballo da pedra.



Parece unha lenda fundacional. 

A nosa estirpe baixou non hai tanto das montañas de Penegache. A abundancia das mámoas e dolméns e outros monumentos megalíticos, que converten o Planalto de Penegache nun dos lugares de riqueza prehistórica máis interesante da península, dan fe dunha intensa vida desde tempos remotos.





No planalto houbo "vivendas de verán" até non hai demasiado. Diso quedan as brandas e os chouzos, sobre todo na zona de Crasto, ou Castro Laboreiro.  

A nosa memoria inconsciente venera a montaña por algo trasmitido a través de moitas xeracións.
Desde Quintela de Leirado, os gardiáns do Penegache son os veciños de Xacebáns, seguramente descendentes, coma nós, daqueles cazadores da serra.



Xacebans foi “refundado”, se se permite a expresión, polas monxas de Ramirás, no 1240, a Ona (nai superiora)  Maria Fernandi, concedeulle carta e  foro no lugar de  Xacebáns (Iacebanes), a nove familias, para que poboasen, plantasen, coidasen e pagasen  ao seu celeiro de Fraguas, a parte correspondente por dita cesión. Así consta no Tombo de Ramirás. Hai concesions puntuais en Xacebans, concretamente en 1266, pola propia Ona Maria Fernández a Fernándo Pérez e á súa dona.

Xacebáns xa existía en 1240. Ademais de que se se cita como lugar,  tamén se cita no Tombo de Celanova, nun documento datado entre o 1044 e o 1047. Mais, nese momento debía estar prácticamente abandonado.



Xacebans desde As Millariñas. Penegache a dereita. A Luz xa chegou.

Ás monxas de Ramirás tiñan interese en asentar poboación no lugar, para parar a crecente influencia de Celanova? Para evitar o paganismo que aínda subsistía nas montañas?

A nós, hoxe, pode parecernos caprichosa a condición desta carta, na que se manda aos seus vasalos ”elixir” sepultura no mosteiro de Ramirás e non en ningún outro lugar.  O que supón un autentico trastorno para os enterramentos, ao ter que desprazarse ao Mosteiro de Ramirás. Debemos ter en conta que “teoricamente” esta situación mantívose até a creación da parroquia de Santiago de Xacebáns, xa a primeiros do século XX.  Había unha calzada de pedra, algúns tramos consérvanse, que unía  Xacebáns e Ramirás.


Algúns dos cruceiros do lugar.


Estivemos observando o viacruce e non descartamos a idea de que algunhas das cruces que aparecen esparexidas por todo Xacebáns fosen recollidas daquel camiño e recolocadas no lugar, unha vez xa tivo parroquia.
Atopamos dúas posibles explicacións que xustificarian a esixencia das monxas de Ramirás á hora de enterrar no seu mosteiro:

A primeira, podería deberse a que, na Idade Media, os enterramentos aínda se realizasen na montaña. Estaba máis ou menos perto, e non sobraban os camposantos que por outra parte non eran salubres. 


Mosteiro de Ramirás. Onde se enterraban os de Xacebáns

En toda a Serra do Leboreiro existe unha lenda, moi común en certas culturas, na que os vellos eran levados a morrer á montaña. Isto, máis que ser visto como unha crueldade, debe ser entendido desde un sentido case panteista, de volta ás orixes, aos orixes da terra. Sería o noso mito fundacional?

Parroquia de Santiago de Xacebáns

A outra explicación resulta máis pragmática. O mosteiro de Ramirás era de Monxas de clausura e como tales non podían saír do Mosteiro a controlar os seus negocios. Ao desprazarse cos defuntos a Ramirás mantiñan unha relación directa co Mosteiro que presumiblemente lles permitía actualizar de forma directa certos datos, como o cobro da loitosa (dereitos que pagaban os sucesores do morto, por continuar cos bens aforados). 

Vivir ao  pé do Penegache


O home da foto de portada chamase Manolo "Pavero", non se pode ter máis vivacidade na cara, a súa foto está no Forno. Para os que non coñezan Xacebáns, o forno, antigo forno comunal de cocer o pan, é hoxe o lugar de encontro dos veciños. Penso que a expresion de Manolo Pavero representa o espírito desta aldea, optimista,  traballador, con moita retranca, capacidade para levantarse da desgracia propia. Pero neste lugar tamén houbo un eremita serodio, do século XX, José, que quixo volver á montaña, fixo unha casa, no pé do Penegache “cando non había nin pista”, da que din que aínda queda algunha parede. A terra chama!

Cruce de Pistas. Cara Penegache ou cara As Chedas

Hoxe hai unha casa común para os vellos no que algún tempo foi escola. É o sino.
Pero, na parte máis alta do lugar atopamos esta casa en ruínas que me parece unha fantasía de conto.





Un barco no pé do Penegache.


Esta casa en ruínas paréceme unha fantasía de conto.

Despois de darlle mil voltas non conseguín sacar ningún significado do debuxo. Un amigo, Xulio Medela, que é máis poeta do que pensa, deume unha curiosa idea. Un "exvoto". O propietario debuxaríao como promesa por sobrevivir a un naufraxio. Un naufraxio no pé do Penegache! Puro realismo máxico. Non puiden resistirme a compartir esta idea, que até podería ser verídica.






Orgullo da terra! Bisneto do canteiro que esculpiu a cruz de Penegache


Ricardo. Detrás, un dos cruceiros


Unha casa "boa":


Fermosa casa en a punto de caer da que foi unha importante familia, como se pode ver pola construcion.


O topónimo

Xacebáns ten un nome que causa moitas discusións aos filólogos, o que nos leva a pensar nalgún poboamento, quizais anterior aos romanos. Non hai moito, atopouse unha ara romana, que non puido ser trasladada de moi lonxe até Xacebáns.
Os nomes antigos varían lixeiramente. No tombo de Celanova no documento 239, datado entre os anos 1044-1047, usan o termo Vizebanes, mentres que  no Tombo de  Ramirás, en varios documentos do Século XIII usan Iacebanes.